Os Megatoxos

Benvidos ao blog dos Megatoxos. E quen son os Megatoxos? Son catro mozos: Ninfa, Faísca, Lúa e Ruxe que teñen que compatibilizar as clases no instituto, cunha dobre vida que os impulsa a viaxar polo tempo en busca dunha cura a súa mutación xenética. Azar? Destino? Ou un plan do misterioso M.P.? E todo isto sae da cabeza do seu autor: ANXO FARIÑA, que ademais de escribir, ilustra esta colección de libros. Non o dubides e deixa o teu comentario!

6/10/14

Os Megatoxos e o dragón de xade no top de ventas en setembro



É certo amigos. Non levan nin uns días a venta e xa entraron na lista dos máis vendidos do mes pasado (Fonte: caderno da crítica, por Ramón Nicolás). Estou que morro coa impaciencia por saber a vosa opinión!!!

Tamén desde aquí quero destacar as fermosas palabras que me adicou Manolo Bragado, desde o seu blogue Brétemas:


"Non debe pasar desapercibida a publicación d’ Os Megatoxos e o dragón de xade, a quinta entrega da serie escrita e ilustrada por Anxo Fariña. A que é a saga xuvenil da literatura xuvenil galega máis veterana e con maior número de títulos, como tamén a que conta con máis lectores (máis que entusiastas), viaxa ao Xapón medieval de ninjas e samurais coa intención de evitar un terrible terremoto. Como nos libros anteriores, os catro superheroes galegos continúan buscando cura para a súa mutación xenética provocada polo Toxo, unha planta mutante que permite viaxar no espazo e no tempo. Aventuras, amor, fantasía, loitas, enigmas, mitos, coñecemento científico, histórico e xeográfico, continúan sendo compoñentes principais destes libros de lectura engaiolante, adictiva, que provocan o entusiasmo dos seus siareiros. Como estimulantes son para crear interese pola historia de Galicia en diálogo aberto con diversas culturas e civilizacións.
Mención á parte da serie merece a singularidade e espectacularidade da creación visual de Anxo Fariña. Utilizando a cultura manga, un trazo rotundo, que non impide a precisión dos detalles, é capaz de dotar a cada un dos personaxes da serie dunha personalidade moi recoñecible para os seus siareiros. Outrosí sucede co coidado da ambientación histórica e paisaxística, que nesta quinta entrega acada nalgunhas imaxes un altísimo nivel. Como editores sabemos que dende hai sete anos, cando apareceu o primeiro título na editorial A Nosa Terra, cada unha das seguintes entregas dos Megatoxos foi unha beizón para esa dificil tarefa de facer novos lectores para o a lingua galega na preadolescencia. Que máis se lle pode pedir? Toda a nosa gratitude e parabéns por esta proeza para Anxo Fariña."

25/9/14

Os Megatoxos e o dragón de xade. MEGATOXOS 5

Xa chegou, amigos. O mellor e máis agardado libro de Os Megatoxos. Non me chegan as palabras para contarvos o encantado que estou con esta nova entrega ambientada no Xapón. Nestes días irei desvelando máis acerca do seu contido, da historia dos auténticos superheroes galegos. Ninjas, dragóns, aparicións xaponesas, a infancia oculta de Faísca e Ruxe, a "amizade especial" entre Lúa e Ezbel, unha boda entre a nobreza medieval xaponesa…

Sabiades que é a primeira saga xuvenil que chega ao seu quinto número en Galicia e escrita en galego? Pois si, ata o de agora ningún escritor en Galicia lograra esa fazaña, e estou moi contento, xa que se o conseguín e grazas a vós. Se non fose polos vosos azos a agarimo, os Megatoxos nunca poderían chegar onde chegaron.



Nuns poucos días poderédelo atopar nas vosas librerías favoritas, e se non podedes agardar, xa podedes mercalo online!!!! 
Está editado con Xerais no seu espectacular formato cun acabado impecable.
Algúns enlaces onde xa o podedes encargar:

Pronto disponible en ebook nas diversas plataformas.

16/4/14

Canón de lume!


Ola, amigos.

Xa queda menos para que o 5 libro dos Megatoxos esté nas librerías. Nuns meses poderedes ler o libro máis incrible da saga.

Como entrante, vos deixo un bosquexo de Faísca realizando a súa coñecida técnica: “canón de lume”. Está feito utilizando un Ipad e un stylus de wacom. Que vos parece?

14/3/14

Os Megatoxos no Salón do Libro de Pontevedra.



Ola amigo e amigas.
Como vedes pola imaxe, algo está a pasar cos Megatoxos no espazo de exposicións do Salón do Libro.
Do día 14 de marzo ao 5 de abril, poderedes gozar no salón cunha sala adicada a explicar como é o proceso de creación dos vosos libros favoritos.

Tomade nota desta data! O 24 de marzo as 5:30 farei un obradoiro no Salón do Libro titulado: Decoración de galletas cos Megatoxos. Como podedes adiviñar, será un obradoiro moi saboroso no que contarei coa axuda dunha estupenda reposteira.
Está destinado a rapaces de 6 a 10 anos e é gratuíto.

Apertas!

19/12/13

Bo nadal dos Megatoxos


Unha forte aperta para todos os seguidores dos Megatoxos. Como podedes ver na postal, inclúo outra pista sobre o próximo libro dos Megatoxos.

Felices Festas!

13/11/13

Presentación de Os Megatoxos e os Templarios da Luz.

O día 20 de novembro farei unha presentación do libro Os Megatoxos e os Templarios da Luz no Ies de Beade de Vigo.
O centro cumpre o seu 25 aniversario e, para celebrar dita efeméride, organizaron un interesante calendario de actividades, entre elas a miña visita.
Ademais da presentación farei un obradoiro de ilustración para que mozos e mozas descubran os segredos que hai detrás dos debuxos dos Megatoxos.
Haberá demostración de ilustración en directo dos Megatoxos, e sorteo de libros e láminas dos personaxes.


É unha magoa que o acto so podan asistir os alumnos da ESO do centro. Mais estade atentos porque xa sabedes que fago moitas visitas a escolas e instituto e este ano pode tocarvos a vós. 
Falade cos vosos profesores!

31/10/13

Crítica: Os Megatoxos e os Templarios da Luz.

Paula Fernández publicou nas páxinas do «Faro da Cultura», de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Os Megatoxos e os Templarios da Luz, de Anxo Fariña.
Narrativa de fondo social
Removendo as conciencias
Edicións Xerais vén de reeditar a terceira entrega das aventuras dos Megatoxos, Ninfa, Lúa, Ruxe e Faísca, os catro rapaces destinados a vivir aventuras incribles, que non por isto se volven inverosímiles, dende que un accidente os convertera en mutantes.
Os megatoxos e os Templarios da Luz trátase dunha reedición enriquecida, revisada e ampliada polo autor quen coloca os protagonistas nos Pireneos, nunha viaxe de estudos que os levará ao pasado,ao París da Revolución Industrial para penetrar nunha orde tan pechada e misteriosa como é a dosTemplarios, sempre fascinante e atraente. Preséntanse conflitos,dúbidas e reflexións sobre a vida e a morte, perigos e aventuras, moitas aventuras nunha lectura que atrapa, idónea para preadolescentes, con todo o que iso implica no que atinxe ás relación entre eles, ao seu rexistro lingüístico e, á súa maneira idealista de enfrontarse ao mundo.
De seguro moitos rapaces e rapazas han estar pendentes, desta publicación. Porque a serie dos Megatoxos é desas que engancha,que crea seguidores e, sen dúbida ningunha, se este fose un país normalizado sería das preferidas na rapazada de entre doce e catorce anos, como acontece con outras series estranxeiras desta sorte, ás que non ten nada que lle envexar, pero que metidas no mainstream causan furor entre os lectores e lectoras.

GRAZAS, Paula!

19/9/13

Os Megatoxos e os Templarios da Luz.


Ola, amigos e amigas.

Como ben sabedes, estou a reeditar os primeiros volumes dos Megatoxos na miña actual editorial, Xerais. Nestas novas publicación decidín revisar e ampliar os textos antigos, e así engadir moitas páxinas que na anterior edición quedaran no portátil.
O último libro reeditado é o terceiro: Os Megatoxos e os Templarios da Luz.

Como mostra, vos deixo unha imaxes que corresponden co proceso da elaboración da portada.
Apertas!

PD: Para os que pensaban que non escribiría máis libros dos Megatoxos, estades trabucados!!! Como se pode intuír polo post anterior, estou a preparar un quinto libro dos Megatoxos. Ademais, o debuxo de Ruxe da unha pista do lugar onde viaxarán os nosos amigos. Alguén xa o adiviñou?





3/10/12

Os Megatoxos e a espada esmeralda


Ola amigos.

Despois dun tempo sen escribir volvo ao blog para anunciar novidades. Xa está nas librerías a nove edición na editorial Xerais de “Os Megatoxos e a espada esmeralda”. Tal e como fixen no libro "Os Megatoxos e o aprendiz de druída", hai moitas novidades nesta nova edición que agardo vos gusten. A historia amplíase con máis detalles sobre os personaxes da saga e sobre as súas vidas.

Como curiosidade vos podo contar que a idea da espada esmeralda chegoume nun soño moi parecido ao que ten Faísca no libro. Lembro que, cando acordei, custábame traballo saber se xa saíra do soño, ou aínda estaba nel. Vaia pesadelo!
A algún de vós vos pasou algo semellante? Algún acordou dun pesadelo pensando que aínda estaba nel?


Fixádevos no aspecto que ten o libro! Estou encantado co resultado da edición e a nova portada.

Nuns meses, principios do 2013 veredes nas librerías a reedición do terceiro libro dos Megatoxos: Os Megatoxos e os templarios da Luz.
AH! e se queredes o calendario de 2012 dos Megatoxos, podedes descargalo aquí.


Para os que acaban de chegar a colección velaí vos deixo a sinopse do libro.
Os Megatoxos son catro mozos que teñen que compatibilizar as clases no instituto, cunha dobre vida que os impulsa a viaxar na procura dunha cura para a súa mutación xenética, un cambio provocado por unha planta moi especial, o Toxo. Esta planta mutante ten, entre outras, a capacidade de viaxar no espazo e no tempo. Ruxe, Lúa, Faísca e Ninfa están a vivir un emocionante curso escolar. Desde que un accidente os dotara de estraños poderes, os problemas non deixan de aparecer.Nun intento por acadar unha cura para a súa mutación, os catro mozos viaxarán ao Medievo. Alí, atoparán un antigo e misterioso mosteiro onde nada é o que parece. Nesta nova aventura, os Megatoxos deberán aguzar a súa intelixencia e valor nunha biblioteca chea de enigmas, onde códices e perigos mestúranse nunha situación que porá a proba a súa amizade.



23/3/12

Presentación: Os Megatoxos e o aprendiz de druída.


Hoxe venres 23 de marzo presentarei o libro "Os Megatoxos e o aprendiz de druída" no salón do libro de Pontevedra, ás 19:00 horas. Estades todos convidados!

A nova edición do primeiro volume da saga dos Megatoxos, ademaís dunha revisión, incorpora moitos detalles que quedaran no tinteiro na primeira versión. Poderedes saber máis sobre o incidente que dotou de poderes aos Megatoxos e o misterioso M.P. .

26/12/11

Feliz 2012


Preme na imaxe para agrandala.

18/11/11

Sobre a presentación da Chave...


Ola, amigos.


A presentación do libro “A chave da Atlántida” foi un gran éxito. Grazas a todos.

Adxunto algúns enlaces que mencionan ao libro ou a presentación.

O Faro de Vigo. Elena Ocampo.

A voz de Galicia. Jorge Lamas.

Atlántico diario.

Brétemas. Unha aperta, Manolo.

Trafegando Ronseis. Un bico, Gracia.

3/11/11

Presentación "A chave da Atlántida"


Ola, amigos.

Quero convidarvos a todos á presentación do meu novo libro “A chave da Atlántida” gañador do premio Merlin 2011 e publicado por Edicións Xerais. O acto terá lugar na Casa del libro de Vigo (R/ Velázquez Moreno 27), o día 11 de novembro ás 8:00 da tarde. Espero vervos alí este venres. Haberá algo de comer, de beber, debuxos en directo e algunha sorpresa máis.

Ah! para aqueles que veñan co libro e me pidan que llo asine... levaran de agasallo unha ilustración especial de tiraxe limitada! Haberá só unhas poucas, así que xa sabedes!


O libro “A chave da Atlántida” xa se pode atopar en todas as librerías. Na próxima semana subirei máis ilustracións do libro.

Apertas, Anxo.

Este é un avance da historia :)

Os científicos do «Proxecto Prometeo» crearon A-cero, un ser humano artificial. Un proxecto científico que os bioenxeñeiros da empresa Biomorph desenvolveron a partir da lectura duns pergamiños atopados na fosa Kermadec, cando indagaban sobre a cidade asolagada da Atlántida. Aqueles pergamiños, redactados nunha lingua descoñecida, deixaban ver uns planos nos que se identificaban segredos ocultos, capaces de construír un novo futuro para a ciencia e para a humanidade. A fuxida de A-cero e o seu encontro con Eva e o seu tío Fran desencadeará a busca da chave que permita entrar na Atlántida, unha civilización en estado de hibernación, á que semella poder accederse dende as viguesas illas Cíes. A chave da Atlántida é unha novela de ciencia ficción na que, a un ritmo trepidante, se mesturan os mitos dunha civilización antiga coas posibilidades ofrecidas polas biotecnoloxías e da robótica do futuro. Unha aventura que non dá tregua, onde non falta nin o amor nin as persecucións nin as probas fantásticas, na que se somete a indagación dos lectores e lectoras novos un dos tópicos da mitoloxía clásica

Aquí tedes unha crítica do libro publicada no Atlántico Diario. Grazas :)

En Edicións Xerais de Galicia, 143 páxinas. Anxo Fariña (Vigo, 1977), obtivo con este texto o Premio Merlín de Literatura Infantil 2011, e xa van aló 25 anos dende que o primeiro Merlín (1986) foi, con todo merecemento, para a nosa amiga Ursula Heinze. O libro que hoxe brevemente recensionamos, é unha eficaz, entretida e bonita singradura de Anxo Fariña, un autor xa coñecido entre nós, e que non é a primeira vez que é galardoado polo seu labor artístico e literario. El propón que a enigmática e suxerente Atlántida da antigüidade ten porta e chave de aceso dende algún lugar das nosas illas Cíes. Trátase dunha historia que engaiola a calquera lector ou lectora que se achegue a ela. Polo cal, sen levar de conta a idadepara os que aparentemente foi elaborada, cabo de todo, convén reflexionar se é acertado ou non esta denominación de literatura infantil. Coidamos que non, e mesmo en todo caso convimos en que é un libro a cuxa lectura pódese adscribir calquera home ou muller, como o son outros relatorios da literatura universal que habita na memoria de todos nós. Os nosos parabéns ao autor pola súa aportación á literatura galega, e mesmo polas estupendas ilustracións que acompañanan o libro A Chave da Atlántica.

10/10/11

Reedición!


Ola, amigos!

Xa estou de volta despois das vacacións. Coma sempre, utilicei estes días para viaxar e coñecer un pouco deste marabilloso planeta no que vivimos. E desta volta estiven nas antípodas, en concreto en Nova Zelandia. Un fermoso e incrible país que en certos momentos recordábame a Galicia. Tanto que incluso descubrín que alí tamén había toxos! Así que é posible que algún día os meus queridos Megatoxos pasen por Nova Zelandia, quen sabe...

Teño para vós moi boas novas. Como todos sabedes, agora podedes atopar nas librerías o 4 libro dos Megatoxos publicado por Xerais. Mais era imposible conseguir calquera dos tres primeiros libros, pois estaban esgotados. E agora... sorpresa! Xerais vai reeditar os tres primeiros libros dos Megatoxos no mesmo formato que o cuarto. Para esta nova edición vounos revisar e ampliar con novos detalles que no seu momento quedaran no tinteiro.

O primeiro libro “Os Megatoxos e o aprendiz de druída” sairá a principios de 2012, xa vos concretarei a data.

Como podedes imaxinar, estou moi contento e cheo de ilusión por este novo comezo editorial.

MEGATOXOS POWER!


A imaxe é dalgo moi curioso que atopei en Nova Zelandia. Serán os ovos dun dinosauro mariño? Ou pegadas dos extraterrestres? Que pensades vós?



4/7/11

Feira do libro de Vigo


Ola, amigos.

O vindeiro sábado 9 de xullo ás 19:30 farei a presentación oficial de “Os Megatoxos e a cara oculta de Lúa” na Feira do libro de Vigo, situada na Alameda.
Asinarei exemplares, farei algúns debuxos en directo e algunha sorpresa máis. Estades todos convidados!

13/6/11

Premio Merlín «A chave da Atlántida» de Anxo Fariña, Premio Merlín de Literatura Infantil 2011


Ola amigos!


Estou moi emocionado e contento. O motivo: acabo de gañar o prestixioso Premio Merlín de Literatura infantil cunha obra que leva por título: “A chave da Atlántida”.

Non vos podedes imaxinar o que significa para min este galardón. Despois dos malos momentos pasados, esta semana dupla alegría: sae á venda o 4º libro dos Megatoxos e me conceden o premio Merlín. Que podo dicir... grazas, grazas, grazas. Ao xurado, aos meus queridos lectores, aos meus amigos, ás mestras e mestres, á organización do premio, aos bibliotecarios, ás libreiras e libreiros...

A festa-entrega celebrouse na illa de San Simón rodeado de moitos amigos dos libros, con comida, música, e moita, moita emoción.

Unha aperta, Anxo

Aquí a noticia:

O xurado da XXVI edición Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron corenta e seis obras, formado por Rodrígo Chao Blanco (ilustrador), Julia González González (mestra de Primaria e bibliotecaria), Antonio Reigosa Carreiras (escritor e gañador do Premio Merlín, 1998), Ángeles Roca López (bibliotecaria), Gracia Santorum López (profesora de Secundaria e blogueira), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas «O carreiro das formigas», «Prometeo» e «Trampa de luz». Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Prometeo», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Anxo Fariña e corresponde ao título A chave da Atlántida.


A chave da Atlántida, a obra gañadora da 26ª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, presentada baixo o lema «Prometeo», recupera o mito da busca da Atlántida, o continente perdido, asolagado, esa civilización antiga dos atalantes da que non se sabía en que parte do planeta quedou agochada.


Foron os científicos do chamado «Proxecto Prometeo» os que crearon A-cero, un ser humano artificial, un organismo sintético de silicio, un robot capaz de amosar curiosidade polos sentimentos humanos. Un proxecto científico que os bioenxeñeiros da empresa Biomorph desenvolveron a partir da lectura duns pergamiños atopados na fosa de Kermadec, cando indagaban sobre a cidade asolagada da Atlántida. Aqueles pergamiños, redactados nunha lingua descoñecida, deixaban ver uns planos no que se identificaban segredos ocultos, capaces de construír un novo futuro para a ciencia e para a humanidade. A fuxida de A-cero e o seu encontro con Eva e o seu tío Fran desencadeará a busca da chave que permita entrar na Atlántida, unha civilización en estado de hibernación, á que semella poder accederse dende as viguesas illas Cíes.


A chave da Atlántida é unha novela de ciencia ficción na que a un ritmo trepidante se mesturan os mitos dunha civilización antiga coas posibilidades ofrecidas polas biotecnoloxías e da robótica do futuro. Unha aventura que non dá tregua, onde non falta nin o amor nin as persecucións nin as probas fantásticas, na que se somete a indagación dos lectores e lectoras novos un dos tópicos da mitoloxía clásica.